Sunday 28 de April de 2024

O equipo Quérote+ de Benestar impartiu máis de 500 obradoiros por toda Galicia para máis de 10.000 estudantes de 14 a 16 anos


É frecuente que os mozos e mozas que participan nas sesións formativas sexan usuarios do servizo de consultoría (presencial/telefónica/on-line/ whatsapp/Telegram)

O equipo de Quérote+ da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, impartiu, ao longo do ano 2014 máis de 500 obradoiros por toda a comunidade galega, chegando a máis de 10.000 estudantes de entre 14 e 16 anos.

Nestes obradoiros, mozos e mozas adquiren unha información e unha formación básica nos temas cos que habitualmente se atopan con dificultades (coma o equipo de Querote+ recibe no servizo de consultoría).

Traballan na aula de forma dinámica e participativa contidos coma a convivencia entre o grupo de iguais, a imaxe corporal e autoestima, a sexualidade e a afectividade, o uso seguro dos entornos virtuais e a prevención no consumo de alcohol.

Todos estes contidos serán tamén posteriormente tratados ao longo do curso polo profesorado para acadar unha adquisición e un afianzamento de coñecementos e habilidades para o día a día. De feito, o equipo de centros Quérote+ ofrece ao profesorado información e acompañamento se o precisan para seguir abordando estas temáticas en horas de titoría ou en espazos específicos que teñan reservados para o mesmo.

Para o próximo curso, a demanda segue a ser moi elevada, xa máis de 100 centros de ensino teñen solicitado esta formación para que ao longo do 2015 se impartan sesións nas súas aulas.

As solicitudes realízanse a través dun formulario que se remite por fax ou escaneado aos enderezos electrónicos dos centros Quérote+ de referencia, e un dos técnicos ponse en contacto para xestionala. Pódese solicitar chamando ao 881997613 ou remitindo un correo electrónico a info@querote.org.

As formacións impartidas son tamén un modo de dar difusión e que mozos e mozas coñezan o servizo de consulta. De feito, é frecuente que os que participan nas sesións formativas sexan usuarios do servizo de consultoría (presencial/telefónica/on-line/ whatsapp/Telegram). Se unha mañá un/unha profesional acode a un centro de ensino dunha localidade, esa mesma tarde entran consultas desa localidade, o que pon de manifesto tanto a necesidade da formación como a de consulta.